A renacencia galegueira no Bierzo

Xavier Lago Mextre
Xavier Lago Mextre

Na Comunidade Autónoma de Galiza aínda segue sendo abraiante que haxa bercianos que reivindicamos a lingua galega máis aló do porto de Pedrafita. O certo é que dende as últimas décadas do século anterior hai un novo pulo social a prol da protección do galego.
 
Primerio foi a demanda de ensino do galego nos centros escolares da bisbarra. Moito houbo que bater nas portas da Junta de Castela e León para termos a autorización final. Froito dese traballo reivindicativo foron as primeiras resolucióis a prol do ensino do galego no Congreso dos Deputados (1997) e nas Cortes de Valladolid (2000). E aínda tivemos que agardar ata a sinatura do convenio de colaboración entre os Gobernos autonómicos de Galiza e de Castela e León (2001) para ter ensino do galego no curso seguinte. Hoxe a aprendizaxe deste idioma medra paseniño en todos os niveis educativos, agás na universidade.

Tamén houbo que procurar o recoñecemento do idioma galego no Estatuto de Autonomía de Castela e León. Inicialmente as Cortes de Castela e León non quixeron admitir tal demanda no seu proxecto de Estatuto. Pero a reforma posterior, nas Cortes Xerais, si admitiu o recoñecemento do galego no texto definitivo do Estatuto Autonómico (1999). Esta declaración lexislativa foi escasa, “gozará de respecto e protección a lingua galega nos lugares en que habitualmente se utilice”. Por iso, coa nova xeira reformadora do Estatuto de Autonomía de Castela e León (2007), volveu a presión por mellorar a protección legal do galego, aínda que o texto non se modificou.

Pero esa última reforma do dito Estatuto de Autonomía de Castela e León servíu para conseguir unha protección indirecta. Un artigo da dita Lei Orgánica se refire a que “unha lei das Cortes de Castela e León regulará a comarca do Bierzo, tendo en conta as súas singularidades e a súa traxectoria institucional”. Este precepto fai mención ás singularidades da bisbarra berciana, entre as que se atopa, sen dúbida, a presenza do idioma galego.

Curiosamente a Lei vixente da Comarca do Bierzo, de 1991, non ten ninguna referencia á lingua galega. Agora estase tramitando nas Cortes de Castela e León a reforma desa Lei. Pois ben, trala correspondente presión colectiva xa hai un compromiso firme dos partidos, concretado na presentación de emendas a prol do recoñecemento do galego nesa Lei rexional. Isto permitirá principiar o uso institucional do galego nos entes locais.

Outra intervención vindicativa ten sido a demanda da TVG no Bierzo. Tralo apagón analóxico houbo que mobilizarse para non estragar o contacto televisivo co galego. Hoxe podemos dicir que na bisbarra recibimos varias televisióis dixitais de Galiza. O certo é que a TVG ten feito moito pola recuperación do galego no Bierzo.

De tódolos xeitos cómpre indicar que o futuro do galego do Bierzo dependerá moito da normalización lingüística desenvolvida na Galiza. Necesitamos do apoio político e económico da Comunidade Autónoma veciña. A axuda que veña de Castela e León será sempre a regañadentes e escasa porque non se considera súa a protección dunha lingua allea.

Xabier Lago Mestre – Colectivo Fala Ceibe do Bierzo
Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Telegram

También podría interesarte

Destacadas de Bembibre Digital cabecera